O de 2027 será o ano de Xosé Neira Vilas. O escritor de Vila de Cruces, autor dun dos títulos máis populares da nosa literatura, Memorias dun neno labrego, será o protagonista do próximo Día das Letras Galegas.
Así o acordou este mércores a Real Academia Galega, que celebra que se vaia renderlle homenaxe ao creador dunha obra profundamente galega e ao mesmo tempo universal.
A candidatura de Neiras Vilas para o Día das Letras Galegas 2027 foi apoiada por unanimidade, despois de que se retirara a outra proposta, a de Constantino García.
Memorias dun neno labrego, editado en Bos Aires en 1961, é un dos libros máis lidos, vendidos e traducidos da literatura galega de todos os tempos.
Camiño bretemoso (1967), Cartas a Lelo (1971), Aqueles anos do Moncho (1977) ou Querido Tomás (1980) son outros dos títulos que consolidan unha voz literaria de enorme coherencia e personalidade.
Pero a RAG quere reivindicar as múltiples dimensións deste escritor.
Os actos que se organizarán durante todo o ano destacarán, avanzan desde a Real Academia Galega, desde a súa figura como narrador de ficción ou a súa labor como editor e investigador á súa faceta como cronista da diáspora galega en América.
As Letras Galegas para Xosé Neira Vilas é, segundo a candidatura presentada, un acto de "xustiza cultural e histórica" para quen sempre amosou unha "maneira de entender unha Galicia aberta ao mundo, mais fiel ás súas raíces".
"Fixo da lingua oral da aldea unha lingua literaria digna, profundamente expresiva e fermosa, afastada de artificios, mais viva e natural", engadiron os responsables da RAG.
Neira Vilas, sostiveron, "nunca renegou do mundo rural nin o idealizou falsamente", senón que o retratou "coa súa dureza e coa súa humanidade", dignificando a vida da xente humilde, dos labregos e dos emigrantes silenciados pola historia oficial.
As raíces de quen se convertería nun piar fundamental da cultura galega contemporánea están nunha familia labrega de Gres, no concello de Vila de Cruces.
Neira Vilas, o maior de sete irmáns, emigrou a Bos Aires en 1949. Nesta etapa, que se estendeu ata 1961, entraría en contacto cos intelectuais da diáspora porteña e consolidaría o seu compromiso con Galicia.
Cursou ademais estudos formais de xornalismo e literatura e coñeceu a Anisia Miranda, a súa compañeira de vida, con quen casou en 1957.
Xuntos fundaron ese mesmo ano a editorial Follas Novas, proxecto fundamental para a distribución do libro galego que permitiu que circulase entre a comunidade galega en América e mesmo chegase a Galicia en plena ditadura.
Logo de varias estadías en Galicia, Neira Vilas regresou en 1992 ao seu Gres natal, onde se constituíu a fundación que leva o seu nome. Alí morreu en novembro de 2015.