Denuncian a presenza de motos de auga en espazos protexidos do río Umia

O Salnés
08 de xullo 2026

O Colectivo Ecoloxista do Salnés advirte de que o ruído destas embarcacións altera a fauna silvestre e pode provocar o abandono de áreas de alimentación ou descanso por parte das aves

Moto de auga no río Umia / Colectivo Ecoloxista do Salnés

O Colectivo Ecoloxista do Salnés expresou a súa preocupación pola presenza recente de motos de auga no tramo final e a Foz do río Umia.

A entidade lembra que se trata dun espazo natural protexido e de alto valor ecolóxico en Galicia onde a navegación con embarcacións a motor está restrinxida pola normativa vixente.

Segundo sinala o colectivo, o Plan Hidrológico da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa prohibe con carácter xeral a navegación a motor nos ríos, salvo en casos de salvamento, protección civil, defensa ou cando exista autorización expresa de Augas de Galicia.

Ademais, nas zonas protexidas debe cumprirse o establecido na normativa específica que as regula.

No caso da Foz do Umia e a Enseada do Bao, entre a desembocadura e A Lanzada, a protección vén determinada polo Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia.

Esta norma prohibe expresamente o uso de embarcacións recreativas ou deportivas en humidais lagunares e marismas, salvo autorización do órgano competente en materia de conservación da natureza.

O tramo final do Umia forma parte do ZEC Ons-O Grove, está declarado zona de especial protección para as aves e figura ademais na lista Ramsar de humidais de importancia internacional.

Trátase, subliña o colectivo, dun enclave fundamental para numerosas aves acuáticas, tanto residentes como migratorias, e para hábitats de alto interese ecolóxico. Ademais é unha zona vinculada á actividade marisqueira tradicional.

Máis aló do cumprimento legal, o Colectivo Ecoloxista do Salnés advirte que o ruído deste tipo de embarcacións altera á fauna silvestre e pode provocar o abandono de áreas de alimentación ou descanso por parte das aves, así como xerar un maior gasto enerxético e menor éxito reprodutor en especies sensibles.

Tamén alerta de que o movemento da hélice ou o sistema de propulsión revolve os sedimentos do fondo, afectando á vexetación e aos organismos do fondo. A iso súmase o risco de verteduras accidentais de combustibles ou aceites, con posibles consecuencias para a calidade das augas.

Por todo iso, a entidade pide ás administracións competentes que reforcen a información e a vixilancia neste espazo natural, á vez que chama á responsabilidade das persoas usuarias do medio natural para que respecten a lexislación e contribúan á conservación dun dos humidais máis valiosos de Galicia.