A asociación Amicos presentou este mércores en Cambados o proxecto europeo TRAP (Transforming Rivers by Reducing Aquatic Plastic Pollution), un encontro cofinanciado polo programa Interreg Atlantic Area da Unión Europea para protexer os ríos da contaminación de plásticos.
A xornada, viculada ao río Umia, reuniu a administracións públicas, centros educativos, asociacións, empresas e outros axentes sociais do territorio, co obxectivo de avanzar na protección e combater a contaminación por plásticos.
Durante o encontro, o equipo presentou os obxectivos da iniciativa e os asistentes participaron nunha dinámica na que identificaron as zonas problemáticas onde consideran necesaria unha intervención para, posteriormente, deseñar accións adaptadas ás necesidades reais do territorio.
TRAP ten como obxectivo desenvolver e probar medidas innovadoras baseadas na natureza para atrapar e retirar residuos plásticos dos ríos antes de que alcancen o océano Atlántico. En Galicia, o territorio seleccionado é o río Umia, elixido polo seu valor ecolóxico e a súa representatividade ambiental.
As persoas con discapacidade volverán ter un papel fundamental como activistas encargadas da aplicación e seguimento das solucións técnicas, así como de conducir as accións de sensibilización con escolares.
A iniciativa contempla limpezas participativas das ribeiras do río e a instalación de barreiras vexetais e estruturas biodegradables de retención para avaliar a eficacia de sistemas naturais na captura de residuos plásticos. Así mesmo, Amicos exercerá un papel de facilitación coas administracións públicas para favorecer a integración destas solucións nas estratexias locais de xestión ambiental.
Desde a asociación destacan que "a protección do río Umia require cooperación entre administracións, centros educativos, tecido social, empresas e cidadanía" e sinalan que Living Lab naceu para "escoitar ao territorio, pór en común necesidades reais e contribuír a construír respostas ambientais participativas, inclusivas e replicables".
O consorcio internacional do proxecto está liderado polo Instituto Superior Técnico de Lisboa e reúne a nove entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda. Entre as entidades participantes atópanse Trinity College Dublin, Atlantic Technological University, Universidad de Sevilla, Petra Patrimonia Maritima, Seabird, 4change, ISDIN e Amicos, entre outras.