Máis de 40 voluntarios retiran máis de 100 quilos de lixo mariño en Cortegada

O Salnés
25 de abril 2026

A maior parte dos residuos atopados está directamente relacionada coas actividades económicas no mar, especialmente co cultivo do mexillón e coa pesca

Recollida de lixo mariño
Recollida de lixo mariño / Afundación Pontevedra

Máis de corenta persoas voluntarias déronse cita este sábado nas praias da illa de Cortegada, no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, para participar nunha nova xornada de retirada de lixo mariño.

A iniciativa, impulsada por Afundación a través do seu programa Actúa, enmárcase no proxecto Plancton, unha estratexia de conservación que xa permitiu retirar 158 toneladas de residuos en distintos puntos do litoral galego.

A actividade deixou cifras reveladoras do impacto dos refugallos no medio natural. Ao remate da recollida, contabilizáronse centos de elementos vinculados á actividade mariña, como 840 palillos de batea ou case 500 anacos de corda.

A estes sumáronse máis de 2.000 fragmentos de plástico, máis de 1.100 de vidro e unha significativa presenza de poliexpan, con máis de 2.100 anacos recollidos.

Tampouco faltaron residuos de uso cotián, como chisqueiros, bastóns dos oídos (dos que se superaron as 500 unidades) ou mesmo xiringas.

En total, retiráronse máis de 104,5 quilos de lixo deste enclave natural.

Xornada de limpeza en Cortegada
Xornada de limpeza en Cortegada    Afundación Pontevedra

Esta foi a cuarta intervención do voluntariado de Plancton en Cortegada desde que o proxecto botou a andar no ano 2020, sempre en colaboración co Parque Nacional.

Como xa sucedera en edicións anteriores, a maior parte dos residuos atopados está directamente relacionada coas actividades económicas no mar, especialmente co cultivo do mexillón e coa pesca.

Con todo, tamén se detecta a pegada doutras prácticas alleas ao sector mariño. Obxectos procedentes do lecer nas praias ou da vida diaria no continente chegan ata este espazo protexido, evidenciando a dimensión global do problema do lixo mariño.

As limpezas en Cortegada forman parte dun programa máis amplo que Afundación desenvolve por toda a costa galega. A través de Plancton, combínanse accións sobre o terreo con actividades formativas e divulgativas, co obxectivo de sensibilizar á cidadanía sobre a necesidade de coidar os ecosistemas mariños e garantir a súa conservación para o futuro.

Limpeza de lixo mariño en Cortegada
Limpeza de lixo mariño en Cortegada    Afundación Pontevedra