O parque do río Gafos vive estes días unha nova fase de coidado intensivo para recuperar plenamente o seu estado tras os estragos do inverno.
O concelleiro de Servizos Urbanos Básicos, Xaquín Moreda, visitou este venres a zona para supervisar os traballos de saneamento do arborado que se están a desenvolver na senda urbana entre a estación de autobuses e Ponte Boleira.
A intervención forma parte dun plan máis amplo de mantemento do espazo natural, que xa incluíu reparacións urxentes das sendas de xabre tras as fortes choivas invernais.
Nesta nova fase, os traballos céntranse no tratamento do arborado danado polas enchentes e o mal tempo, con actuacións sobre árbores caídas que obstaculizaban a canle do río, exemplares descalzados polo arrastre de terra e a retirada de ramas secas con risco para os viandantes.
Tamén se está a actuar contra especies invasoras como acacias e robinias, que xeraban zonas de excesiva densidade vexetal e afectaban á saúde do ecosistema.
Durante a visita, Moreda puxo en valor o obxectivo destas tarefas para garantir que o Gafos funcione como un auténtico “pulmón verde” en condicións óptimas de uso de cara á primavera e o verán.
“O obxectivo principal é facer un saneamento en todo o arborado para que este espazo estea en perfectas condicións de desfrute”, sinalou.
O concelleiro avanzou ademais que, unha vez rematada esta fase de limpeza, se procederá á replantación de especies autóctonas de ribeira.
A idea é mellorar a biodiversidade e recuperar a sombra perdida tras as caídas de árbores no inverno, reforzando así o papel do parque como zona de esparexemento e descanso para a veciñanza de Pontevedra.
Os traballos, que se desenvolveron ao longo de toda a semana, están xa na súa recta final e está previsto que queden completados nos primeiros días da próxima semana.