PODCAST. Xulio Teixeira publica un poemario para provocar reflexións

Pontevedra
12 de xuño 2026

'Entre mentiras e algunha (in)certeza' é o segundo título que publica este ano e vai presentalo este próximo sábado 13 de xuño no Edificio Castelao de Pontevedra

Xulio Teixeira coa súa nova publicación, 'Entre mentiras e algunha (in)certeza'
Xulio Teixeira coa súa nova publicación, 'Entre mentiras e algunha (in)certeza' / PontevedraViva

'Entre mentiras e algunha (in)certeza' (Medulia Editorial) é o segundo poemario que Xulio Teixeira publica este ano. A descrición que o autor achega no podcast 'Cara a cara' é a de "un experimento poético no que se trata de valorar, criticar, cuestionar a realidade".

O contido xa estaba escrito, darlle unha forma foi o máis recente: "o libro xorde dunha serie de aforismos que eu escribo hai moito tempo e que decido ordenalos cunha forma poética para que a persoa lectora poida cuestionarse se o que escribo é certo ou non é certo".

Ese cuestionamiento leva ao obxectivo final: "provocar, facer que a xente se pregunte polos seus principios básicos, que moitas veces non ofrecen crítica", explica.

O libro queda dividido en cinco puntos: verdade, mentira, amor, liberdade e medo, son certezas ou incertezas?. Para Teixeira "non hai nada absoluto. Se creo que hai temas universais dos que se fala, sobre todo en poesía e son estes, onde transmito, ou pretendo transmitir a través de poemas o cuestionamiento de cada un destes parámetros".

Sen ter un exemplar nas mans pode parecer todo moi heteroxéneo, difuso; pero fala de feitos de transcendencia social, por exemplo dalgunha sentenza xudicial moi mediática, da Plataforma do 0,7%, ou a impactante imaxe do neno Ailán.

Dado que está escrito en galego, escolleu para a súa publicación unha editora galega. A portada é absolutamente minimalista, só un signo de interrogación como engadido ao título do libro, autoría e editorial.

'Entre mentiras e algunha (in)certeza' preséntase o vindeiro sábado 13 de xuño no Edificio Castelao de Pontevedra a partir das 12.15 horas. Teixeira estará acompañado de diversos amigos, dedicados a diferentes disciplinas, que participarán neste acto aberto ao público.

Quizais non sexa a última presentación que faga en 2026 xa que, como avanza, ten practicamente terminado un próximo libro do que di é "unha especie de ensaio sarcástico poético".

Xulio Teixeira Rodríguez é avogado e profesor de Universidade de Vigo. Porriñés aficando en Pontevedra, esta é a súa quinta publicación literaria.