Todo ten o seu porqué, desde o título do álbum, pasando pola carátula, até os doce tracks que conforman 'Mar de ardora' e que a pontevedresa Yoly Saa sacará ao mercado este próximo venres 14 de febreiro co selo da discográfica Warner.
Charlamos con ela a tres días do lanzamento. Hai nervios, pero "son nervios bos porque é un disco no que puxen moito de min, é a vez que máis de min puxen e iso sempre provoca nervios". Tamén foi un disco terapeútico para ela. "Xa me reconciliei con cada unha das sensacións que hai nese disco", precisa.
Son doce cancións as que entrega neste segundo álbum da súa carreira. Escrito entre México e Galicia. Naquel viu por primeira vez estas bioluminiscencias no mar, na súa terra investigou sobre o fenómeno e de regreso ao país azteca tivo ocasión de bañarse entre ese mar de ardora. "Estaba a se pechar o círculo e a aquel baño eu chámoo o principio do fin da tristeza. Sinto que despois desa época virá un tempo de luz que entón non vía".
Letras que falan "de cousas incómodas" como o duelo ou a ansiedade, pero que resultou un traballo terapéutico. "Puxen en palabras cousas que non acababa de asimilar o corpo, así que cantalas durante este tempo – porque antes da xira hai que cantalas e choralas – dá para porse unha distancia con elas. É necesario para subirse ao escenario e cantar certas cousas".
Sonoramente evidéncianse igualmente cambios: "hai un salto porque cambiei de produtores e por tanto hai cambio de son. Eu tamén me metín como coproductora e busquei máis o que eu escoito. Creo que son máis madura e disipouse o naíf e adolescente. É un pop indie, pop rock nalgúns casos, pero vese unha Yoly máis madura e vese o meu crecemento letrístico e sonoro porque eu tamén estou en constante formación", explica.
A portada do disco, que como o título asemella luminiscencias, é outro elemento unificador do traballo: " todas as fotos difuminadas responden a unha época en que non podía verme a min mesma. Nada está feito ao azar e todo fai que a estética do disco teña sentido co que hai dentro".
Estar na nómina de artistas dun selo como Warner achega seguridade na súa profesión: "á hora de investir, de promoción, de vídeos, é un seguro porque están a financiar un proxecto, están a confiar na túa música e son un altofalante moi grande". Yoly Saa segue crecendo tamén como compositora para outros, confírmao na charla que mantemos no podcast 'Cara a cara': "estamos moi a lume de biqueira con eles. Para min non existe a Yoli Saa sen a compositora. E afortunadamente cada vez chámannos artistas máis grandes".
Fálanos das experiencias promocionais previas ao lanzamento deste 14 de febreiro. Unha preescucha entre ela e o seu público máis fiel e tamén unha xornada de tatuaxes cuxo motivo explica: "na xira pasada moita xente dicíame que se tatuaron frases das cancións e neste caso pensei: que podería facerlles felices? así que ademais da preescucha que mellor regalo que aforrarlles ese diñeiro para a tatuaxe con algo das cancións".
En marzo arrincará a xira 'Mar de ardora' que até maio, por agora, ten dezaoito concertos pechados. Haberá máis sen dúbida, estará en festivais durante o verán e para o outono mirará a Latinoamérica.
Pregunta obrigada: haberá directo en Pontevedra?. Resposta: "estamos niso. Pontevedra é a miña cidade e quero facer algo especial. Estamos a ver a maneira máis especial de mostrar o show".