Pontevedra súmase á xira do último disco de Zahara. Farao cun concerto "especial e exclusivo", segundo destacan os seus promotores, que ofrecerá na Sala Karma o próximo 12 de marzo. É unha das actuacións incluídas no ciclo Vibra Mahou.
A artista decidiu crear o espectáculo Puta Gira: Drums & TV's, un novo formato no que o público vivirá unha experiencia audiovisual inmersiva.
Así, os espectadores poderán vivir máis de preto o que ocorre no escenario, sendo testemuñas directas da comunicación que se establece entre músicos e máquinas.
Tras levar o seu álbum Puta aos escenarios, Zahara sorprenderá aos seus fans con este novo formato de estética escénica renovada que rompe con todo o que a artista presentou da man do seu último disco, un dos traballos musicais máis aclamados de 2021.
Neste concerto tocará un set de percusión e sintes, e estará acompañada no escenario por Martí Perarnau IV, responsable de DJ, sintes e coros; e por Xavier Molero á batería.
Ademais de Pontevedra, este espectáculo ofrecerase noutras catro cidades españolas: Xixón, Salamanca, Villava (Navarra) e Cuenca.
As entradas para o concerto de Zahara en Pontevedra pódense adquirir xa a través da plataforma Wegow.