Zamora e Galicia combinan a súa cultura folclórica no Festival Carneiro ao Espeto

Umia
19 de xullo 2014

O pavillón acollerá unha nova edición deste festival este sábado 19 a partires das 20.00 horas coa participación de Seixebra, da Asociación Cultural Tralovalo de Moreira (Soutomaior) e de Tío Babú de Toro (Zamora)

Asociación Cultural Seixebra
Asociación Cultural Seixebra

O Festival Folclórico Carneiro ao Espeto, organizado pola Asociación Cultural Seixebra de Moraña, celébrase este sábado 19 de xullo, a partir das 20.00 horas no Pavillón Municipal de Moraña, debido ás inclemencias meteorolóxicas. Os grupos que acompañarán no escenario a Seixebra serán a Asociación Cultural Tralovalo de Moreira (Soutomaior) e Tío Babú de Toro (Zamora).

O grupo de Moraña quere con esta nova cita divulgar a música tradicional galega e reflectir o traballo desenvolvido ao longo do curso. Dende 2004, Seixebra organiza este festival coa colaboración do concello de Moraña como unha das actividades enmarcadas dentro das Festas do Carneiro ao Espeto e contou coa participación de grupos de Asturias e de Castela-León.

Nesta ocasión, a Asociación Cultural Tralovalo de Moreira interpretará pezas musicais tradicionais recompiladas ao longo dos anos. Mentres que os zamoranos de Tío Babú actuarán cun grupo de músicos que recollen o estilo propio das festas populares da zona, como a canción que dá nome á agrupación folclórica.