7.000 dorsais para unha San Silvestre de Pontevedra que quere seguir crecendo

Pontevedra
27 de decembro 2019

A San Silvestre máis antiga de Galicia presentou este venres a que é xa a súa XXXVI edición, e que como é costume encherá de deporte e diversión a última xornada do ano o vindeiro martes 31 de decembro

Presentación de la XXXVI San Silvestre de Pontevedra
Presentación de la XXXVI San Silvestre de Pontevedra / Cristina Saiz

Volve a proba deportiva máis popular do ano en Pontevedra, unha San Silvestre que o vindeiro martes 31 de decembro chegará á súa XXXVI edición.

Antes, este venres, o Concello de Pontevedra acolleu a presentación oficial dun evento que aspira a seguir crecendo, superando os 6.417 dorsais repartidos hai un ano con máis de 7.000 corredores nas rúas.

Precisamente esa cifra, 7.000, son os dorsais dispoñibles nesta ocasión, cunha inscrición de balde que desde a organización piden que se cubra para maior seguridade. "Queremos que se haga una San Silvestre segura", sinalou Víctor Riobó agora desde a barreira como responsable técnico da proba.

"Vamos a tener un día estupendo, así que tenemos que repetir la fiesta del año pasado", sinalou á súa vez a presidenta da Sociedad Gimnástica, Charo Castro, que ademais pediu aos participantes que non esperen ao último día para retirar o seu dorsal.

A San Silvestre, co seu particular espírito de celebración deportiva na última xornada do ano, é unha carreira "bonita, divertida e sobre todo ben organizada", completou o concelleiro de Deportes animando á participación.

Nesta ocasión o circuíto retócase lixeiramente (4.720 metros), mantendo gran parte do mesmo, debido a aspectos de seguridade e por algunha obra, o que levará aos corredores para pasar por rúas como a Oliva ou pola Praza de  Mugartegui, manténdose a saída ás 17:00 horas desde a Avenida Montero Ríos.

A pesar de ser unha cita non competitiva, mantense a tradición de entregar un lacón aos gañadores das categorías masculina e feminina, ademais da os mellores disfraces, individual e por grupos.

As inscricións poden formalizarse na Casa da Luz en horario de 10:00 a 13:30 e 16:30 a 19:30 horas a excepción do domingo 29 e martes 31 de decembro no que os dorsais só se poderán retirar de 10:00 a 13:30 horas.

Ademais, como é costume, a Gimnástica organiza paralela á San Silvestre unha recollida solidaria de alimentos en favor da rede municipal RedeAxuda.