A alta participación prevista obriga a ampliar un día de competición no Nacional de Ximnasia Rítmica

Pontevedra
17 de xuño 2015

A segunda das citas prevista en Pontevedra, o Campionato de España Individual, adiantará un día o seu inicio ao esperarse preto de 1.500 deportistas arracando finalmente o mércores 1 de xullo

Reunión cos clubs de ximnasia para preparar os campionatos de España de rítmica
Reunión cos clubs de ximnasia para preparar os campionatos de España de rítmica / Daniel Santomé

A alta demanda de inscricións para o Campionato de España Individual de Ximnasia Rítmica, que se celebrará a principios do mes de xullo en Pontevedra, obrigou a Real Federación Española de Ximnasia a plantexar un día máis de competición.

A cita estaba prevista para os días 2, 3, 4 e 5 de xullo no Recinto Feiral de la Ciudad de Lérez, pero finalmente iniciará a súa andaina o mércores 1 de xullo.

Isto débese a que a previsión que manexa a organziación, a cargo de Federación, Club Treboada e IMD, sitúa o número de participantes en preto de 1.500, tendo en conta que unha semana antes se celebrará tamén na cidade o Nacional de Clubs e Autonomías.

Esta primeira cita dará comezo o xoves 25 de xuño ata o domingo 28 no mesmo escenario, un Recinto Feiral que verá como este xoves comeza a instalación de toda a infraestrutura para ambos os dous eventos.

O primeiro paso será a instalación das bancadas supletorias, con capacidade para un 1.800 espectadores, que rodearán o tapiz central de competición. Ademais instalaranse outros oito tapices de quentamento.

En canto á venda de entradas, os abonos para o campionato individual non sufrirán variación malia contar cun día máis de actividade, pero si se habilitou unha entrada especial para o xoves 1 de xullo pola tarde a un prezo de 7 euros.