A armada pontevedresa de piragüismo maratón, lista para o Mundial de Sudáfrica

Pontevedra
31 de agosto 2017

A localidade sudafrinaca de Pietermaritzburg acollerá a competición máis importante do ano para partir do próximo 7 de setembro, na que Óscar Graña e Ramón Ferro tentarán esquecer a súa mala fortuna no pasado Europeo e na que volven partir na terna de favoritos padexeiros como Tono Campos ou Álvaro Fernández Fiuza

Tono Campos e José Manuel Sánchez no Europeo de Portugal
Tono Campos e José Manuel Sánchez no Europeo de Portugal / Nina Jelenc / Asociación Europea de Piragüismo

A localidade surafricana de Pietermaritzburg acollerá, desde o vindeiro xoves 7 de setembro ata o día 10, a cita máis importante do ano para a armada pontevedresa de piragüismo maratón, o Campionato do Mundo da especialidade.

Varios son os padexeiros da comarca que parten entre a terna de favoritos nas súas respectivas categorías, empezando pola parella composta polo pontevedrés Óscar Graña e o insular Ramón Ferro (Kayak Tudense) no C-2, que tentarán esquecer a mala fortuna en forma de choque con outra embarcación que lles acompañou no recente Europeo e que lles apartou da loita pola vitoria.

Tamén estarán na liña de saída do C-2 Tono Campos (Breogán do Grove) e o seu compañeiro José Manuel Sánchez, que triunfaron no Campionato de Europa en Portugal. Ambas as tripulacións deberán afrontar 23 quilómetros de percorrido co obxectivo de aumentar o seu xa extenso palmarés internacional.

O propio Tono Campos participará tamén na proba de canoa individual, na que aspira a todo.

Outro pontevedrés situado sempre entre os favoritos, no seu caso no K-2, é Álvaro Fernández Fiuza xunto ao asturiano Walter Bouzán. Ambos protagonizaron unha gran remontada no Campionato de Europa para levar a prata a pesar da rotura dunha pa nun dos porteos, e agora acoden a Sudáfrica para sacar a espiña e pelexar polo ouro. No seu caso, a proba de kaiak dobre contará con 30 quilómetros de percorrido.

Completará a expedición pontevedresa no Mundial de Maratón, en categoría sub-23 e senior, Tania Álvarez (Breogán do Grove) no K-2 xunto á súa compañeira Lucía Arquero.

A competición iniciarase o xoves 7 de setembro coas probas junior individuais e o K-1 sub23 feminino, para continuar o día 8 coas embarcacións dobres junior e as individuais masculinas sub-23. Pola súa banda, para a fin de semana quedan as regatas senior, o sábado 9 coas probas individuais e o domingo 10 coas dobres.