Natalia López xa empeza a pasar as follas do calendario descontando os días para regresar a unha cancha de xogo.
A xogadora do Club Baloncesto Arxil foi intervida con éxito este mércores da grave lesión de xeonllo que se produciu no partido ante o ADBA Avilés, unha rotura do ligamento cruzado e do menisco na súa perna dereita.
A operación cirúrxica tivo lugar no Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra e "saíu segundo o previsto", confirma a entidade deportiva.
A base leonesa, que vivía a súa primeira tempada no Arxil, afrontará agora unha recuperación que se estima entre os 6 e 8 meses, polo que non volverá xogar ata o próximo curso.
Tras uns primeiros días de repouso, está previsto que poida empezar a súa rehabilitación o vindeiro luns día 25, un proceso que encara coa esperanza de recuperarse ao 100%.