A base do waterpolo galego mídese no Centro Galego de Tecnificación Deportiva

Pontevedra
13 de xuño 2019

O Club Waterpolo Pontevedra organiza este sábado 15 de xuño os campionatos galegos benxamín e infantil de verán, competicións nas que participarán preto dun centenar de deportistas

Presentación dos campionatos galegos benxamín e infantil de waterpolo no CGTD
Presentación dos campionatos galegos benxamín e infantil de waterpolo no CGTD / Deputación de Pontevedra

A piscina do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra será escenario o vindeiro sábado 15 de xuño dunha xornada de festa para a base do  waterpolo galego.

A instalación pontevedresa acollerá os campionatos galegos benxamín e infantil mixtos de verán, nos que está prevista a participación de ao redor dun cento de deportistas.

Na competición benxamín, o título decidirase nunha final directa entre o club local, CW Pontevedra, e o CW Santiago, ás 10:30 horas.

No que respecta ao torneo infantil, disputarano 6 equipos de 4 clubs, xogando unha fase previa de liguiña e unha fase final por postos. Os equipos participantes son: CW Pontevedra A e B, Asociación Coruñesa de Waterpolo, CW Santiago A e  B e o  CN Coruña.

Os partidos comezarán ás 11:00 horas e a final está prevista para as 18:30 horas.

Ambos os dous campionatos foron presentados polo presidente do Waterpolo Pontevedra, José Tellería, a deputada provincial de Deportes, Chelo Besada, e o director do CGTD, Jesús López.