A Boa Vila conxúrase para levantar o Pontevedra cara o ascenso

Pontevedra
07 de maio 2022

A través do proxecto Xardíns que Falan, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural decoraron a zona verde da Praza de Ourense con símbolos cos que conxurarse e "visibilizar o apoio da cidade ao club" e así levantalo ata o ascenso

Os Xardíns que Falan apoian ao Pontevedra CF
Os Xardíns que Falan apoian ao Pontevedra CF / PontevedraViva

Os xardíns da Praza de Ourense amenceron este sábado cunha portería de fútbol flanqueada por tres balóns de fútbol e dous grandes carteis granates co escudo do Pontevedra CF e as mensaxes 'Dálle Ponte!' e '... a fonte da Ferrería, San Bartolomé da Praza'.

O motivo diso é o partido tan importante que disputará o combinado granate este domingo en Pasarón ante o Salamanca e para o que a maior parte a cidade está envorcada coa intención de levar ao equipo ata o ansiado ascenso a Primeira RFEF.

Por iso, a través do proxecto Xardíns que Falan, impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural decoraron a zona verde de diante da igrexa de San Francisco con símbolos cos que conxurarse e "visibilizar o apoio da cidade ao club" e así levantalo ata o seu obxectivo, destacou o concelleiro Iván Pontes.

Para facer a devandita conxura acudiron os xogadores Charles e Churre; os membros do consello de administración do Pontevedra, Luís Durán, Juan Abal e Ricardo Tilve; e os concelleiros Iván Pontes, Marcos Rey e Yoya Blanco, que desexaron as mellores das sortes e mandaron forza ao equipo para afrontar da mellor forma a primeira final que ten por diante o equipo.

De feito, Churre confía en que a Boa Vila axude ao equipo para sacar o partido adiante, xa que a afección en casa converteuse "nunha peza crave" e espera que, xa que eles "superaron as expectativas" ao longo de toda esta semana, "agora quédanos a nós responder igual de ben ou mellor".