A campioa galega de ciclocrós, Irene Trabazo, busca estender o seu dominio ao Campionato de España

Pontevedra
07 de xaneiro 2021

A ciclista marinense participará este domingo, ás 11.30 horas, na proba elite feminina do campionato de España de ciclocrós que comeza o venres na localidade cántabra de Torrelavega

Segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas
Segunda xornada do Campionato de España de Ciclocrós na Illa das Esculturas / Diego Torrado

A localidade cántabra de Torrelavega toma o relevo de Pontevedra como organizadora do campionato de España de ciclocrós. Esta fin de semana buscarán a gloria sobre o barro preto de 900 corredores chegados de todos os recunchos de España, entre eles estará Irene Trabazo, vixente campioa galega, que ten como obxectivo o asalto ao ouro nacional na categoría elite feminina.

A corredora marinense que competirá este domingo (11.30 horas) defendendo as cores do seu club, o XSM Santomé de Piñeiro, proclamouse no pasado mes de decembro gañadora tanto do campionato galego como da Copa Galicia desta disciplina despois de gañar todas as carreiras disputadas. O seu extraordinario estado de forma tratará de prolongalo unha semana máis para confirmarse como unha das mellores especialistas do ciclocrós a nivel nacional. 

Aínda que Trabazo acode á cita en solitario e sen representar á selección autonómica, a marinense estará acompañada dunha ampla representación de corredores galegos. Compartirán liña de saída con ela, a elite Estela Lago (Bike O Facho), a sub 23 Carla Fernández (Farto) e as juniors Laura Mira (Avanza-O Porriño), Sofía Álvarez (Cambre) e Sonia Domínguez (XSM).

Outra nova promesa que se despraza a terras cántabras despois de saborear o éxito no circuíto galego é Héctor García, do Poio Bike. O cadete participará este venres na carreira (14 horas) que dará o pistoletazo de saída ao campionato co obxectivo de seguir gañando experiencia.