A Cañota volverá ser o epicentro do mellor boxeo de Galicia o 26 de novembro

Marín
15 de novembro 2022

A cuarta edición da Copa Galicia, que enfrontará aos seis mellores púxiles galegos cos mellores boxeadores de Biscaia, celébrase no pavillón marinense, nunha cita que inclúe combates cos mellores deportistas dos arredores e dúas exhibicións de boxeo profesional. As entradas xa están dispoñibles

Celebración da Copa Galicia de Boxeo en Marín
Celebración da Copa Galicia de Boxeo en Marín /

A cuarta edición da Copa Galicia de boxeo celebrarase o día 26 de novembro no pavillón marinense da Cañota. Trátase do "maior evento boxeístico da historia de Marín", aseguran desde o club organizador, o Team Thunder. 

Esta disciplina goza dunha extraordinaria saúde na vila marinense. Ao longo do presente ano, os deportistas do club conseguiron catro medallas en campionatos de España e contan ademais cunha nutrida base de 210 licenzas federativas. "Unha canteira envexable que fai do club un referente a nivel autonómico e nacional", remarcan.

Para conmemorar todos estes logros, o Team Thunder realizou unha forte aposta coa organización da Copa Galicia de Boxeo, unha competición nada en Marín no ano 2017 e que consiste no enfrontamento dun combinado galego contra outra selección autonómica de España en diferentes pesos. Cataluña foi o rival das dúas primeiras edicións e, tras un parón pola pandemia, a Comunidade Valenciana tomou a substitución. Este ano, a selección convidada e que tratará de terminar co absoluto dominio galego é a de Biscaia.

A competición, que comezará ás 20 horas, constará dun total de seis combates entre os mellores púxiles vascos e galegos do peso pluma e medio. Jorge Alonso, Cristian Teira, Diego Benítez, Izan López, Martín García e Aarón González serán os encargados de tentar que, unha vez máis, a Copa Galicia quede en casa. 

Ademais destes seis encontros, haberá outros dous combates que elevarán aínda máis o nivel da velada. Os boxeadores profesionais Alex 'Ciclón' Barros e Kike 'Rayito' García demostrarán ante a inchada marinense por que están entre os mellores púxiles do país, nuns combates nos que tratarán de conseguir puntos para seguir escalando no ranking nacional. 

Así mesmo, a partir das 17 horas, están programados outros doce combates co mellor do boxeo local que servirán como aperitivo para a disputa da Copa Galicia. 

As entradas para asistir como público a esta velada atópanse xa dispoñibles nos locais de Marín Five Sport e Café Nave, así como na plataforma Cluber de maneira en liña.