A canteira do Cisne, con protagonismo nas xornadas de tecnificación do CAR de Sierra Nevada

Pontevedra
15 de febreiro 2019

Dous xóvenes xogadores do club pontevedrés participan ata o día 20 de febreiro nunha concentración da Real Federación Española de Balonmán, tras ser seleccionados nunha lista de 70 promesas da xeración de 2003 e 2004

Carlos Álvarez, xogador do Cisne
Carlos Álvarez, xogador do Cisne / Club Cisne Balonmano

A área Técnica da Real Federación Española de Balonmán non lle quita ollo á canteira do Cisne.

Así o demostra unha vez máis coas xornadas de tecnificación para a xeración de 2003 e 2004 que se celebran desde o xoves e ata o próximo día 20 no Centro de Alto Rendemento (CAR) de Sierra Nevada.

A esas xornadas acudiron dous representantes do club pontevedrés entre a lista de 70 novos talentos de todo o país.

Trátase do extremo dereito Carlos Álvarez e do pivote Román Arboleya. Toda unha experiencia que lles servirá para seguir progresando no seu xogo.

Dáse a circunstancia que Carlos Álvarez xa acudiu en setembro do pasado ano a unha concentración similar, o que lle valeu despois unha convocatoria oficial coa Selección Española Promesas para xogar o Torneo Internacional Cidade de Avilés.

MARCOS OTERO, NOVO MEMBRO DO CORPO TÉCNICO

Noutra orde de cousas o Cisne presentou este xoves a un novo membro do seu  cuerpor técnico, Marcos Otero 'Quiños', que será a partir de agora o segundo adestrador do primeiro plantel en substitución de Anxo Corbillón, que por motivos laborais non puido continuar no equipo.