A canteira do piragüismo de Ponte Sampaio recibe as felicitacións do Concello polos éxitos do Campionato de España

Pontevedra
02 de agosto 2023

Os catro piragüistas de categoría infantil do club de piragüismo Río Verdugo que conseguiron a medalla de ouro no K4-1000, xunto ás súas compañeiras Zaira Pazos e Nerea Rodríguez, foron recibidos no Concello de Pontevedra pola titular de Deportes, Anabel Gulías

Anabel Gulías recibe os piragüistas do Río Verdugo de Ponte Sampaio
Anabel Gulías recibe os piragüistas do Río Verdugo de Ponte Sampaio / Concello de Pontevedra

A concelleira de Deportes, Anabel Gulías, recibiu este mércores no Concello os prometedores piragüistas do club de piragüismo Río Verdugo de Ponte Sampaio despois da súa brillante actuación no campionato de España de novas promesas, no que conseguiron a medalla de ouro no k4 infantil e a de prata no K2.

Despois de repasar o ocorrido a pasada fin de semana en Trasona, os deportistas recibiron as felicitacións da edila así como un obsequio conmemorativo por parte do Concello. Gulías reiteroulles o orgullo que supón para a cidadanía pontevedresa os éxitos que a nivel nacional e internacional están a conseguir os piragüistas pontevedreses.

Na recepción participaron os catro integrantes do K4 infantil, Juan Canosa, Miguel Gómez, Quique Lara e Breixo Pazos; que conseguiron o ouro na distancia de 1000 metros. A medalla de prata conseguírona Manuel Gómez e breixo Pazos no K2-1000. Tamén participaron na recepción as cedetes Zaira Pazos e Nerea Rodríguez, que conseguiron un meritorio sétimo posto.

LIGA GALEGA INFANTIL

O encoro de Verducido acollerá este domingo unha xornada da liga galega de piragüismo na modalidade sprint sobre a distancia de 500 metros. Serán uns 200 padeeiros de categoría infantil os que se reúnan este domingo no complexo deportivo David Cal con diversas regatas individuais de kaiak e canoa.