Pontevedra repetirá experiencia dentro do circuíto de carreiras Ponle Freno, iniciativa do grupo Atresmedia en favor da seguridade viaria.
A Boa Vila acollerá por segundo ano una destas probas, que se disputará o sábado 30 de xuño herdando do mesmo xeito que hai un ano o formato da PonteNoite 5+5.
"Hemos elegido Pontevedra porque creemos que es una ciudad espléndida fruto de un ejemplo de seguridad vial", explicou na presentación do evento Álvaro Pito antes de sinalar que a recadación que logren será destinada integramente a unha campaña de Stop Accidentes no municipio, en concreto a un proxecto piloto nunha contorna escolar do rural.
O obxectivo a nivel de participación pasa por superar amplamente o milleiro de corredores de 2017 para converter a carreira en todo un evento de masas.
A proba comezará ás 20:30 horas con carreiras infantís, mentres que ás 21:30 horas darase a saída á categoría absoluta desde a Avenida Montero Ríos, cun formato que permitirá completar unha ou dúas voltas ao percorrido deseñado (5 ou 10 quilómetros).
A inscrición terá un custo de 5 euros e ademais habilitouse unha fila 0 para realizar doazóns sen necesidade de ter que calzar as zapatillas de deporte.