A carreira popular +10 Marín Manuel Rosales inicia a conta atrás da súa oitava edición

Marín
06 de xullo 2019

O evento deportivo terá lugar o sábado 27 de xullo a partir das 22:00 horas. As inscricións poderán formalizarse ata o día 25

Carreira +10 Marín 2018
Carreira +10 Marín 2018 / Diego Torrado

A conta atrás para a oitava edición da carreira popular +10 Marín Manuel Rosales está en marcha.

A cita deportiva celebrarase o vindeiro sábado 27 de xullo, ás 22:00 horas, sobre un percorrido de 10.000 metros homologado pola Real Federación Española de Atletismo.

Desde unha hora e media antes comezará a actividade coas carreiras de menores, que darán paso á proba absoluta e a unha programación de actividades complementarias.

O circuíto será similar ao doutras ocasións, con saída desde a Avenida de Ourense en dirección Estribela para posterior regreso, pasando polas instalacións da Escola Naval Militar antes de encarar o tramo final do percorrido con meta na Alameda.

As inscricións permanecerán abertas ata o día 25 de xullo no portal web www.cronotec.es, a un prezo de 6 euros ata o día 23 e de 7 euros durante as últimas horas habilitadas.

Pola súa banda participar nas carreiras de categorías inferiores será de balde, sendo necesario inscribirse mediante a web ou presencialmente os días 26 e 27 de xullo no Concello de Marín, segundo sinalou a organización.