Á caza do novo adestrador

Pontevedra
22 de decembro 2017
Actualizado: 22:16

O Pontevedra baralla unha serie de candidatos coa intención de que o novo técnico poida facerse cargo do equipo cando volva aos adestramentos o día 26 de decembro. David Vidal ou Alberto Toril, nomes que a direccción deportiva barallou, parecen imposibles polo seu alto caché

Lupe Murillo xunto Roberto Feáns saíndo da sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón
Lupe Murillo xunto Roberto Feáns saíndo da sala de prensa do Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

O Pontevedra Club de Fútbol traballa a contrarreloxo na procura do seu novo adestrador, tras a destitución de Luisito. Unha vez tomada a decisión e despois de comunicarlla o martes ao técnico, a actividade intensificouse nos despachos para valorar as diferentes opcións que ofrece o mercado.

De entre os candidatos que se barallaron na contorna do club, e aínda que ningún pode considerarse descartado por completo, dous parecen afastarse de Pontevedra polo seu alto caché ou pretensións deportivas. Un deses casos é o do veterano e carismático David Vidal, sen equipo tras lograr ascender a pasada campaña ao Lorca en dous meses ao cargo do equipo.

O outro é Alberto Toril, adestrador que se deu a coñecer na canteira do Real Madrid ao facerse cargo da súa filial e que a pasada campaña dirixiu ao Elche. O seu perfil era do agrado da dirección deportiva pero a súa esperanza é poder acceder esta mesma campaña a un dos bancos que poida quedar libre na Segunda División.

Desta forma as maiores opcións céntranse no mercado galego, no que asoman nomes como Fredi Álvarez ou José Ramón. O primeiro, responsable a pasada campaña do Boiro en Segunda B pasou por outros clubs históricos da comunidade como o Compostela ou o filial do Celta de Vigo, mentres que o segundo ten experiencia na categoría de bronce co Montañeiros.

Tamén se falou dun vello coñecido da casa granate, José Aurelio Gay, parte da historia do club polo ascenso a Segunda do ano 2004 e cuxa última experiencia profesional foi a de dirixir ao Palencia. No seu caso a súa ocupación actual nunha escola de fútbol fan difícil que pense en iniciar a súa terceira etapa na cidade de Lérez a menos que se lle ofreza un contrato de longa duración.

Pero a lista de candidatos non para de crecer. A ela sumouse tamén nas últimas horas o nome de Rubén de la Red, un home que como técnico apenas achega experiencia, máis aló de adestrar ao xuvenil do Real Madrid e ao Getafe B unha tempada, pero que como xogador tivo unha brillante carreira truncada por problemas de saúde, cando militaba no Real Madrid, ademais de ser internacional absoluto con España, coa que gañou a Eurocopa de 2008.

Varias frontes abertas e opcións que seguen a valorar tanto o responsable da dirección deportiva, Roberto Feáns, como a presidenta Lupe Murillo, coa intención de que o novo adestrador poida facerse cargo do equipo o vindeiro martes 26 de decembro, data na que o primeiro plantel regresará aos adestramentos.