A chegada de dous reforzos ao Pontevedra, cuestión de horas

Pontevedra
22 de xaneiro 2019

O Pontevedra apura as negociacións para incorporar dous futbolistas, todo apunta a un extremo e un centrocampista de corte creativo, para reforzar ao equipo na segunda volta de competición. Trátase de dous xogadores sénior, polo que o club negocia xa a saída dun integrante do actual plantel

Roberto Feáns e Luismi nun adestramento do Pontevedra
Roberto Feáns e Luismi nun adestramento do Pontevedra / Mónica Patxot

A chegada de fichaxes é inminente no Pontevedra Club de Fútbol, que ultima as negociacións para incorporar dous futbolistas no mercado invernal.

Pode tratrase dunha cuestión de horas, a expensas de que se concreten os últimos detalles con todos os implicados.

"Creo que está muy cerca que tengamos una incorporación en muy breve tiempo", recoñeceu este martes Luismi en rolda de prensa, para sinalar a preguntas dos medios que "cuento con ellos" para sumarse aos adestramentos esta mesma semana.

Os responsables do club granate traballan na chegada de dous reforzos, un extremo que cubra a baixa por lesión de Javi López e, todo apunta, un centrocampista de corte creativo ou ofensivo, ambos en idade sénior, o que provocaría a baixa dalgún membro do actual plantel.

Neste sentido o técnico revelou que "puede haber la posibilidad de que un jugador que no tiene demasiados minutos pueda buscar la salida", un asunto que xa negocia a dirección deportiva.

O futbolista en cuestión sería Adrián Mouriño, que esta campaña non está a entrar con asiduidade nos plans do adestrador.

COPA FEDERACIÓN ANTE O NAVALCARNERO

No medio do traballo nos despachos, o Pontevedra afronta este mércores (18:00 horas) a volta dos oitavos de final de Copa Federación en Navalcarnero, tras o 0-0 da ida.

"Queremos pasar", asegura Luismi, que tirará de rotacións dando minutos a homes que non foron titulares nos últimos encontros e a integrantes da canteira. Así, entran na convocatoria Rivera, Iñaki e Antón xunto a: Ualoloca, Edu, Juan, Campillo, Adrián León, Nacho Lorenzo, Berrocal, Álex Fernández, Jesús, Javi Pazos, Álex González,  Pibe e Pedro Vázquez.

Será o primeiro dos dous encontros que Pontevedra e Navalcarnero xogarán esta semana, xa que o domingo enfrontaranse en liga en Pasarón.

O primeiro plantel pontevedrés partirá ás 8:00 horas da mañá do mércores rumbo á comunidade madrileña para regresar tras o choque.