A choiva obriga a pospoñer a xornada inaugural do programa de fútbol a pé

Pontevedra
07 de abril 2022

A actividade estaba prevista para a tarde deste venres en Montero Ríos, pero a alerta por choivas de Meteogalicia obrigou a  reprogramar a cita para o 22 de abril

Tino Fernández presenta unha serie de exhibicións de fútbol a pé dentro do programa A Vida é Movernos
Tino Fernández presenta unha serie de exhibicións de fútbol a pé dentro do programa A Vida é Movernos / PontevedraViva

As malas condicións meteorolóxicas previstas para este venres en Pontevedra levaron á concellería de Deportes a pospoñer a primeira das xornadas de fútbol a pé, que estaban previstas para o día 8.

Esta actividade, incluída na campaña municipal A Vida  é Movernos, trasládase ao venres 22 de abril co mesmo horario: de 16 a 21 horas.

O fútbol a pé é unha variante do fútbol na que non se pode correr nin tocar ao rival. Unha modalidade integradora na que non importa a idade, a condición física nin o xénero. Unha disciplina física que cada día suma máis adeptos e que se dará a coñecer con tres xornadas de exhibición en Pontevedra.

As outras dúas actividades están previstas para os días 20 de maio e 19 de xuño. O prazo de inscrición, a través do correo [email protected], xa está aberto.