A comisión galega antiviolencia abre dilixencias para determinar responsabilidades na pelexa de pais na Xunqueira

Pontevedra
15 de marzo 2019

"Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte", sinalo o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, tras a reunión da Comisión Galega de Control da Violencia na que se analizaron entre outros casos a pelexa entre pais que provocou a suspensión dun partido de prebenxamíns en Pontevedra

Reunión da Comisión Galega de Control da Violencia no deporte
Reunión da Comisión Galega de Control da Violencia no deporte /

A Comisión Galega de Control da Violencia no deporte abriu este venres dilixencias previas a un posible expediente sancionador sobre a pelexa de pais nunha bancada da Xunqueira que provocou o pasado domingo a suspensión dun partido de categoría prebenxamín entre AJ Lérez e EFB Moañesa.

Este caso foi un dos asuntos tratados na reunión convocada de urxencia polo organismo.

A apertura de dilixencias supón a petición ás forzas da orde, neste caso Policía Local, do atestado elaborado no lugar, ademais de pedir aos clubs a identificación das persoas responsables co obxectivo de determinar responsabilidades. Desta forma a imposición de sancións aos implicados na liorta tratarase nunha próxima reunión da comisión antiviolencia.

"Debemos mandar unha mensaxe clara de tolerancia cero fronte a calquera conduta violenta no deporte pero sen criminalizar ao conxunto do deporte galego", sinalou tras a reunión celebrada en Santiago de Compostela o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete.

"Hai unha radical incompatibilidade entre deporte e calquera forma de violencia polo que debemos actuar con contundencia e con firmeza pero tamén desde o acougo e a proporcionalidade", reiterou o máximo responsable do deporte autonómico.

Ademais da pelexa na Xunqueira, antiviolencia estudou outros casos recentes de violencia en diferentes instalacións deportivas, determinando abrir catro expedientes sancionadores e outras cinco dilixencias previas co obxectivo de identificar os responsables dos feitos.

Os casos analizados foron as agresións dun espectador nun partido de fútbol de veteranos Compostela – Muebles Guadalupe de Boiro; increpacións a un colexiado no campo de fútbol de Cabreche na Pobra do Caramiñal (A Coruña); increpacións a un árbitro no campo de fútbol de Paiosaco en Laracha (A Coruña); conduta discriminatoria por razón de sexo sobre unha menor de idade categoría alevín no campo municipal de Laxe (A Coruña); conduta racista sobre un árbitro de fútbol no campo municipal de Viveiro (Lugo); agresión a un médico que ía atender a un árbitro no campo da Torre da Coruña; enfrontamento dun técnico co público nun partido de fútbol 8 da liga Feminina en Betanzos (A Coruña) e a propia pelexa entre pais e nais no campo municipal da Xunqueira de Pontevedra.

Ademais das dilixencias, que poderían desembocar en sancións ás persoas implicadas, a Real Federación Galega de Fútbol impuxo este xoves unha multa económica de 121 euros a cada un dos equipos que disputaban o partido, EFB Moañesa e AJ Lérez.