A Copa de España de ximnasia acrobática regresa a Marín

Marín
22 de febreiro 2017

O pavillón da Raña acollerá o sábado 25 e o domingo 26 de febreiro a Copa de España deste deporte e a X Copa Galicia, congregando preto de 300 deportistas no que será "unha previa á Copa do Mundo de Maia, en Portugal"

Presentación da Copa de España de Ximnasia Acrobática en Marín
Presentación da Copa de España de Ximnasia Acrobática en Marín / PontevedraViva

Por terceiro ano consecutivo o pavillón da Raña será testemuña da mellor ximnasia acrobática coa celebración da X Copa Galicia Internacional, que do mesmo xeito que hai dous anos trae consigo a Copa de España da especialidade.

Preto de 300 deportistas daranse cita nun evento que supón "unha previa á Copa do Mundo de Maia, en Portugal, da seguinte fin de semana", recoñece José Manuel Estévez, presidente da Federación Galega de Ximnasia. Por iso "moitos clubs virán a Marín a probarse", sinalou na presentación do evento celebrada no Concello de Marín.

Clubs de diferentes lugares do territorio nacional disputarán a competición da Copa de España, desde categoría alevín ata a senior, mentres na Copa Galicia, desde idade cadete, incorpóranse tamén clubs punteiros de Portugal.

Os adestramentos oficiais dos equipos comezarán xa este xoves 23 de febreiro, pero a competición non se disputará ata a fin de semana, o sábado de 9:30 a 13:45 horas para a categoría cadete e de 15:30 a 21:00 horas para as categorías xuvenil, junior e senior, e o domingo de 9:00 a 10:00 horas coa Copa de España Alevín e Infantil e de 10:45 a 14:00 horas coas finais da X Copa Galicia.

A entrada ao pavillón da Raña será de balde para o público. Ademais durante a xornada do sábado, en horario de tarde, levará a cabo na entrada do recinto unha campaña de concienciación sobre os beneficios da reciclaxe.