A Copa de España Féminas de Ciclismo aterra por cuarto ano en Pontevedra "roldando as 400 deportistas"

Pontevedra
19 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

A carreira ciclista terá lugar o vindeiro domingo 24 de marzo con saída e chegada nas Corvaceiras repetindo "un percorrido que nos gusta" cara a Marín e co punto para seguir do Alto da Porteliña

Presentación do Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino
Presentación do Gran Premio Cidade de Pontevedra de ciclismo feminino / Mónica Patxot

Por cuarto ano consecutivo a Copa de España Féminas de ciclismo na estrada chega á Boa Vila co Gran Premio Cidade de Pontevedra.

O vindeiro domingo 24 de marzo vivirase un evento deportivo no que "estaremos roldando as 400 deportistas" entre as diferentes categorías, segundo recoñeceu na súa presentación este martes o director deportivo da organización, Serafín Martínez.

Ademais das escuadras nacionais e galegas como o local Team Farto-BTC, a Copa de España contará con presenza de equipos portugueses e ata un chegado de Francia. Todo iso repetindo un "percorrido que nos gusta", con saída e chegada na Avenida das Corvaceiras e un circuíto entre Pontevedra e Marín co punto importante da subida ao Alto da Porteliña e varios pasos pola zona de meta.

A competición arrincará ben cedo, ás 9.00 horas, coa carreira da categoría cadete, para seguir ás 10.30 coas ciclistas júnior e máster e concluír co prato forte, a proba elite-sub23 con saída ás 12.45 horas e fin na contorna das 15.00 horas da tarde.

Será a terceira cita puntuable da Copa de España 2024 tras as disputadas este mes en Noja e Beasain, cunha carreira especial para un Farto que contará con "un extra de motivación por estar na casa", recoñece o seu director Brais Dacal, pero que afronta a competición coa intención de "facelo o mellor posible e loitar por todo" despois dun inicio de curso "complicado" debido ás lesións de varias das súas ciclistas.