Só un par de días despois de recobrar o sorriso na liga coa súa vitoria ante o Cerceda, a Copa Federación volve a escena co partido de volta dos oitavos de final.
O Burgos visita este mércores (20:00 horas) o Estadio Municipal de Pasarón coa intención de facer valer o 3-1 da ida.
Os granates pola súa banda buscarán a remontada ou polo menos mostrar unha boa imaxe para seguir progresando e gañar en confianza, nun choque que dará a oportunidade de reivindicarse aos xogadores que menos minutos disputaron desde a chegada de Luismi ao banco de Pasarón.
O técnico do equipo pontevedrés non forzará ademais aos futbolistas que arrastran problemas físicos como David Añón ou Adrián León, que terminou o último choque de liga con molestias, polo que haberá espazo no once para xogadores da base, do mesmo xeito que no encontro de ida.
Tamén Patxi Salinas apostará previsiblemente pola súa segunda unidade. O preparador dos burgaleses non poderá contar con Julio Rico e Adrián Hernández por problemas físicos nin con Youssef debido a contratempos co seu visado.
SÓ ABRIRÁN DÚAS BANCADAS
O Pontevedra anunciou que só abrirá dous das catro bancadas do Estadio Municipal de Pasarón, a de Tribuna e a de Norte. Por ese motivo os abonados de Preferencia poderán acceder a Tribuna e os de Fondo Sur deberán ir a Norte.
As entradas para o público fixáronse nos 10 euros para o fondo e nos 15 euros para Tribuna, sendo de balde o acceso ao estadio para os menores de 18 anos.