A Copa Galicia de ciclocrós fai parada en Marín

Marín
17 de novembro 2016

A competición da Copa Galicia de ciclocrós chega a Marín. O domingo 20 de novembro, a partir das 9.45 horas, o espectáculo desta disciplina deportiva fará as delicias do público que acuda a presenciar a décimo cuarta edición do ciclocrós Ría de Marín

Unha das probas de la Copa Galicia de ciclocrós
Unha das probas de la Copa Galicia de ciclocrós / Federación Galega de Ciclismo

A competición da Copa Galicia de ciclocrós chega a Marín. O domingo 20 de novembro, a partir das 9.45 horas, o espectáculo desta disciplina deportiva fará as delicias do público que acuda a presenciar a décimo cuarta edición do ciclocrós Ría de Marín.

Trátase dunha proba ciclista organizada polo Club Ciclista de Marín no circuíto do Chan de Xaxán, a sexta proba do certame autonómico de ciclocrós, que na súa segunda edición consta de doce carreiras.

Os primeiros en entrar en acción serán os máis novos coa carreira de promoción e a continuación será a quenda para os Máster-40, os Master-50/60 e as dúas probas cadetes. Na segunda quenda participarán os Máster-30, as junior e as mulleres Elite e Sub23. O programa de competición pecharase cos junior e cos Elite e Sub23 masculinos.

Despois de tres probas disputadas en territorio coruñés e unha en terras lucenses, Mauro González (Salvaterra) e Isabel Castro (Fornelos) son os propietarios das camisolas de líderes nas clasificacións Elite e Sub23. 

O de Salvaterra ocupa a primeira posición da táboa masculina con 212 puntos de marxe sobre Darío Otero (Compostelán), mentres que a representante da AD Fornelos de Montes encabeza a feminina cunha renda de 100 puntos respecto de Irene Trabazo (Meruelo), que o domingo corre na súa casa.