A creación dun grupo de alto rendemento permite a Bea Gómez quedar en Pontevedra

Pontevedra
03 de setembro 2013

A Secretaría Xeral para o Deporte poñerá en marcha un equipo de adestramento en Pontevedra ata os Xogos Olímpicos de Río 2016, cun adestrador específico para a pontevedresa e para María Vilas utilizando as instalacións do Complexo Rías do Sur. Ao grupo podería unirse o nadador do CN Riveira Manuel Dávila e dentro dun ano o arzuano ÿscar Pereiro, cando remate os seus estudos universitarios en EEUU

Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra
Bea Gómez no 400 estilos do Nacional Open de Pontevedra / Diego Torrado

A Secretaría Xeral para o Deporte decidiu botar o resto para evitar a fuga dos talentos galegos da natación, entre os que destaca a pontevedresa Beatriz Gómez Cortés.

Segundo puido saber PontevedraViva, a nadadora olímpica do CN Galaico poderá quedar finalmente en Pontevedra ao formarse na cidade un grupo de adestramento de alto rendemento, polo menos, ata os Xogos Olímpicos de Río 2016. Así o confirmaron fontes da Federación Galega de Natación.

O proxecto, no que a propia Federación e a Xunta de Galicia levan traballando varios meses, contará cun adestrador específico, cuxo nome aínda está por pechar, e terá a súa sede na cidade de Lérez, utilizando as instalacións do Centro de Tecnificación Deportiva e a piscina olímpica do Complexo Deportivo Rías do Sur.

As deportistas nas que se basea o grupo de alto rendemento son a propia Bea Gómez e a ribeirense María Vilas e o seu compañeiro no CN Riveira Manuel Dávila, podendo unirse dentro dun ano o arzuano ÿscar Pereiro, cando regrese a Galicia tras cursar os seus estudos universitarios en Estados Unidos.

O principal obxectivo de todos eles será estar presentes en Río de Janeiro, podendo sumarse ao equipo de traballo os nadadores galegos que destaquen nos próximos anos.

Con esta iniciativa péchase a posibilidade de que tanto Bea Gómez coma María Vilas abandonen Galicia buscando mellores condicións para o seu adestramento, unha posibilidade que Gómez Cortés daba case por feita hai uns meses, cando valoraba a opción de seguir ao seu adestrador ata esta tempada, Pepín Rivera, agora nas filas do Club Natación Santa Olaya de Gijón.

A intención da Federación Galega e Secretaría Xeral para o Deporte é poder presentar os detalles do proxecto a próxima semana.