A Deputación incrementa nun 6% as partidas destinadas a subvencións deportivas

Pontevedra
28 de xaneiro 2021

O obxectivo, asegura o goberno provincial, é que todas as axudas estean transferidas e ingresadas nas contas dos clubs en poucos días dende que presenten as xustificacións de gastos requiridas nas diferentes convocatorias

Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes
Gorka Gómez, deputado provincial de Deportes / Deputación de Pontevedra

"Este ano hai que estar cos clubs máis que nunca", defende o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez para explicar as axudas que o goberno da Deputación destinará ao longo de 2021 ao deporte.

En concreto esta partida increméntase nun 6%, pasando de 1.917.500 euros a 2.028.000 euros. Estas cantidades aumentan ata medio millón de euros máis ao sumar as subvencións destinadas a deportistas individuais e para a organización de actividades e eventos deportivos.

Ademais, tras reunirse telematicamente con máis dun cento de entidades da provincia "adiantámoslles o noso compromiso de axilizar a tramitación de todas as subvencións para que poidan cobrar en moi pouco tempo desde que presenten as xustificacións", explicou o deputado.

Dentro das diferentes convocatorias, a Deputación destaca tamén a garantía de igualdade no acceso ás axudas para o deporte feminino en todas as modalidades.

Nas reunións co responsable provincial de Deportes participaron por quendas ata 136 clubs, dos que 20 eran de balonmán e baloncesto, 24 de fútbol e fútbol sala, 11 de ciclismo, 27 de piragüismo e 25 equipos de vela e remo. Finalmente, celebrouse a reunión cos 14 clubs de elite e cos 15 clubs doutras modalidades que compiten en ámbito nacional: dous de atletismo, un de bádminton, un de béisbol,  un de bolos, un de orientación, un de rugby, un de voleibol, dous de ximnasia rítmica, dous de natación e un de taekwondo. 

Gómez explicou que os clubs de elite xa están en disposición de presentar as xustificacións documentais das axudas e cobrarán "canto antes" e nun único ingreso, cunha partida de 678.000 euros destinada para esta liña de subvencións (5,5% máis que o ano pasado).

En canto ás subvencións para clubs de categorías nacional, precisan de convocatoria, coa intención de anticipalas con respecto á publicación habitual (ao redor de finais de marzo). A Deputación reserva este ano 850.000 euros para esta liña (un 9,7% máis). Ademais os deportes náuticos recibirán 500.000 euros.

O apoio da administración provincial complétase complétase cos 325.000 euros (25.000 máis que o ano anterior) das bolsas DepoDan e DepoPromesas para deportistas de elite e os 200.000 euros reservados para a organización de eventos.