A Epic Race de BTT, ante o desafío de converterse en "unha das mellores probas de España"

Pontevedra
26 de marzo 2018

A esixente proba deportiva, que se disputará por diferentes municipios da provincia do 6 ao 8 de abril e que se consolida na súa segunda edición, foi presentada oficialmente este luns na Deputación de Pontevedra

Presentación da segunda Epic Race Pontevedra na Deputación
Presentación da segunda Epic Race Pontevedra na Deputación / Gabriela Varela Asorey

A segunda edición da Epic Race Pontevedra de ciclismo BTT promete "paixón, diversión, emoción e sufrimento", asegura  Josevi Cimadevila, responsable da organización, a cargo da empresa Global DxT.

A proba deportiva, que se disputará do 6 ao 8 de abril por diferentes municipios da provincia, foi presentada oficialmente este luns na sede da Deputación de Pontevedra, principal patrocinador do evento.

"Queremos que a Epic Race se convirta nunha das mellores probas de España, e imos camiño diso", sinalou a presidenta provincial, Carmela Silva.

Ingredientes non lle faltan, e é que os participantes deberán completar nun máximo de 51 horas e sen parar 550 quilómetros superando 14.550 metros de desnivel acumulado positivo, ou na súa versión curta 280 quilómetros con 7.500 metros de desnivel acumulado nun máximo de 25 horas.

A inscrición para a Epic Race incrementouse considerablemente con respecto á primeira edición e conta xa con 160 deportistas confirmados, dos cales case medio cento afrontarán o reto en solitario (24 na opción curta e 23 na longa).

Unha carreira en formato 'Non Stop' que supón unha gran complexidade organizativa ao involucrar a diferentes municipios e a multitude de comunidades de montes en cada unha das súas oito etapas, coa novidade de que este ano os ciclistas chegarán a Portugal, concretamente a Valença.

Así a etapa 1 discorrerá entre Pontevedra e Moraña, a segunda chegará a Vila de Cruces, a terceira a Forcarei, a cuarta pasará de novo por Pontevedra, a quinta chegará a Redondela, a sexta a Valença, a sétima á Lama e a última concluirá de novo na capital provincial.