A Escola Marítima Combarro brilla no torneo da liga nacional de kaiak-polo celebrado no Pontillón do Castro

Pontevedra
10 de maio 2021

O conxunto de Combarro venceu no encoro pontevedrés na categoría sub-16, mentres que Vallehermoso Retiro e Pinatarense fixérono na primeira división sénior masculina e feminina respectivamente

Liga Nacional de kaiak-polo no Pontillón do Castro
Liga Nacional de kaiak-polo no Pontillón do Castro /

O Complexo Deportivo David Cal Pontillón  do Castro, en Verducido, viviu unha fin de semana con protagonismo do kaiak-polo grazas ao segundo torneo da liga nacional.

No encoro pontevedrés instaláronse tres campos de xogo para vivir unha competición que tivo á Escola Marítima Combarro como un dos seus protagonistas, concretamente na categoría sub-16.

Coa súa vitoria no torneo, impoñéndose na final ao Arcos por un apertado 5-4, o Combarro consolida ademais o seu liderado na clasificación xeral con 92 puntos polos 86 do Piragüismo Arcos e os 82 do Pinatarense.

Na categoría sénior masculina, o club Vallehermoso Retiro proclamouse campión do encontro da liga nacional ao impoñerse na final ao Náutico Castellón (6-5) e o bronce foi para o Málaga que gañou 2-1 ao Ciencias o enfrontamento por terceiro e cuarto posto.

Pola súa banda na competición feminina, o Pinatarense alzouse co ouro ao vencer 6-1 ao Alquás na final. O terceiro posto foi para o Picassent que se impuxo por 2 a 0 ao Penedo.