A Copa Galega Open Feminina de waterpolo fai parada esta fin de semana en Marín, concretamente na piscina da Escola Naval Militar.
Catro equipos galegos (Waterpolo Pontevedra, RCN Vigo, Pabellón Ourense e CW Santiago) competirán polo título autonómico nun torneo catalogado como open para que poida participar o equipo portugués do Paredes Polo Aquático.
Pontevedra, Pabellón e Santiago disputarán a fase previa de grupos, mentres que RCN Vigo e o Paredes disputarán outra semifinal.
O torneo disputarase ao longo do sábado 22 de febreiro, coas roldas previas en horario matinal e as finais pola tarde.
Ao acto de presentación do campionato acudiron diversas autoridades como o secretario xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, José Ramón Lete, a alcaldesa María Ramallo, o concelleiro de Deportes Antonio Traba, o sarxento Álvaro Hererra, o deputado provincial Gorka Gómez, o xefe provincial de deportes Daniel Benavides e o presidente do Waterpolo Pontevedra, José Tellería.