A Escola Xadrez apúntase a vitoria no amigable de categoría benjamín fronte ao Magic Extremadura

Pontevedra
20 de abril 2020

O equipo pontevedrés gañou a primeira manga e empatou a segunda nun encontro no que se mediron oito xogadores de cada equipo e que concluíu cun torneo de rápidas ao que se uniron xadrecistas de todas as idades e de clubs de toda España

O partido entre a EXP e o Magic Extremadura realizouse a través da plataforma Playchess.com
O partido entre a EXP e o Magic Extremadura realizouse a través da plataforma Playchess.com / Escola Xadrez Pontevedra

O xadrez non para polo coronavirus. A pandemia obriga a pospoñer campionatos e eventos presenciais pero os xogadores da Escola Xadrez Pontevedra seguen adestrando e competindo a distancia. A pasada fin de semana tivo lugar o primeiro encontro de confraternidade de categoría benjamín entre o cadro galego e o Magic Extremadura.

O encontro, que puido seguirse en directo a través do portal de xadrez online Playchess. com, enfrontou a oito xogadores de cada equipo e decantouse ao lado pontevedrés, que gañou a primeira manga por 5 a 3, mentres que a segunda acabou en empate a catro, polo que xa non foi necesario disputar unha terceira de desempate.

A cita concluíu cun torneo de rápidas no que participaron 56 alumnos da Escola Xadrez Pontevedra, do Magic Estremadura e doutros lugares de España. Unha tarde de diversión e entretemento á que lle puxeron o broche de ouro co ineludible aplauso das 20 horas.