A Escola Xadrez Pontevedra presume de subcampión nacional absoluto

Pontevedra
25 de novembro 2021

O pontevedrés David Fernández proclamouse en Xaén subcampión do Campionato de España Absoluto de Xadrez organizado pola Federación Española de Deportes para Cegos

David Fernández, xadrecista da Escola Xadrez Pontevedra
David Fernández, xadrecista da Escola Xadrez Pontevedra / Escola Xadrez Pontevedra

O xogador da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo, David Fernández, sumou en Xaén un novo éxito á súa traxectoria.

Tras debutar nun Campionato do Mundo nun torneo celebrado de maneira telemática, o pontevedrés, esta vez presencialmente, proclamouse subcampión do Campionato de España Absoluto de Xadrez organizado pola Federación Española de Deportes para Cegos.

No torneo, disputado entre o 17 e o 24 de novembro na súa XXX edición, reuniu aos 50 mellores xadrecistas do país.

David chegou a sumar 6 puntos dos 8 en disputa, con 5 vitorias, 2 empates e unha única derrota #ante o que sería campión, Gavril Draghici. Foi nunha partida emocionante, sinala o Xadrez Pontevedra, na que cunha Defensa Philidor e o seu contrataque puido gañar pola vía rápida, pero non atopou o camiño para rematar e terminou cedendo nun resultado que terminou decantando o título.

O éxito de David Fernández supón a guinda á tempada do club pontevedrés, un ano que garda unha última cita co X Memorial Ramón Escudeiro Tilve que por segundo vez consecutiva organizará en formato en liña.