Despois duns días de reflexión e aínda que os resultados deportivos non acompañasen, o pontevedrés Javier Rey pode valorar xa como "unha experiencia inesquecible" a súa participación no Campionato do Mundo Sénior de Bádminton.
O veterano xogador do Bádminton Ravachol Pontevedra puido tomar parte en Huelva do Mundial organizado na cidade andaluza, clasificando na categoría de dobres.
Rey participou no Mundial facendo parella con Benjamín Albores, caendo en primeira rolda do torneo fronte aos franceses Patrice Gouva e Raymond You por un tenteo de 21-12 e 21-7.
Independentemente do resultado o deportista pontevedrés asegurou que tomar parte dun evento de tal magnitude foi "espectacular", destacando "o bo rollo e o ambiente de compañeirismo" vivido co resto de competidores.
Tras o Mundial Javier Rey tomará agora un descanso para volver ás pistas de xogo no mes de xaneiro, tras o parón de Nadal.