O Club Bádminton Ravachol Pontevedra prepárase para a volta á competición da liga de División de Honra, parada pola pandemia e que volverá á actividade o 13 de marzo.
Por diante, no seu primeiro ano na máxima categoría, queda unha parte final da competición na que estará en xogo a permanencia, xa que o Ravachol recibirá na casa aos seus rivais directos ademais de ter que visitar a domicilio a varios conxuntos da zona alta.
O primeiro deses duelos, o citado 13 de marzo, será no CGTD fronte ao San Fernando de Valencia, outro dos equipos que loita por seguir en División de Honra.
O problema para os pontevedreses chega coa súa posta a punto, e é que a falta de instalacións para os adestramentos tanto do primeiro equipo como da base fan que só os deportistas bolseiros no Centro Galego de Tecnificación Deportiva manteñan a súa preparación habitual sen contratempos.
"A falta de instalacións é o noso maior problema, non podemos estar en igualdade de condicións nin na liga nin nas competicións individuais que están por vir, tanto a nivel sénior como de categorías inferiores. Se isto segue así, as opcións de clasificar deportistas aos campionatos autonómicos e de España van ser escasas, xa non digamos de conseguir algunha medalla", explica o director deportivo do club, Jesús Pereiro.
"Vimos de facer varias tempadas moi boas a pesar deste enorme hándicap, pero desde marzo do 2020 non temos nin unha soa hora dispoñible de instalacións. Se seguimos a flote, é unicamente pola calidade humana deste proxecto e polo nivel de compromiso dos que formamos este club", completa o máximo responsable deportivo do Ravachol.