A falta de ondas obriga a suspender o Surf Rías Baixas Pro

O Salnés
13 de abril 2014

Para este domingo estaba prevista unha intensa xornada na que se pretendía concentrar toda a competición, pero ao igual que nos tres días pasados a dominical foi unha xornada de calma chicha co mar como un prato sopeiro

Bautismos de surf na Lanzada
Bautismos de surf na Lanzada / Deputación de Pontevedra

A ausencia de ondas na praia da Lanzada levou á organización do Surf Rías Baixas Pro a cancelar de xeito definitivo do evento.

Dende a organización difundiuse un comunicado no que se empraza os afeccionados para a edición do próximo ano.

Ata o emblemático areal da Lanzada acudiron algunhas das principais figura do surf internacional como Joan Duru, o campión de Europa ASP, Marlon Lipke; o vigués Gony Zubizarreta ou a campioa do mundo júnior no 2010, Alizee Arnaud.

Para este domingo estaba prevista unha intensa xornada na que se pretendía concentrar toda a competición, pero ao igual que nos tres días pasados a dominical foi unha xornada de calma chicha co mar como un prato sopeiro.

Pola contra mantivéronse todas as actividades complementarias: os bautismos de surf, charlas, as rutas de paddle board ou exhibicións de long skate, entre outras.