A Federación Española dá o visto e prace ao circuíto da Xunqueira para o Nacional de Ciclocrós

Pontevedra
19 de novembro 2018

O presidente da RFEC, José Luis López Cerrón, visitou este luns Pontevedra para pasar revista aos aspectos organizativos do próximo Campionato de España de Ciclocrós, que se celebrará na Illa das Esculturas do 11 ao 13 de xaneiro

Juan Carlos Muñiz, Miguel Anxo Fernández Lores e José Luis López Cerrón PontevedraViva

O presidente da Real Federación Española de Ciclismo, (RFEC) José Luis López Cerrón, deu a súa bendición ao circuíto que se habilitará na zona da Xunqueira, entre o Campus e a Illa das Esculturas, no que se celebrará a próxima edición do Campionato de España de Ciclocrós.

"Creo que el sitio es magnífico", sinalou López Cerrón xunto ao presidente da Federación Galega, Juan Carlos Muñiz, o acalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro, tras visitar a zona acompañado de técnicos municipais e das federacións.

"Quizás va a ser menos duro de lo que a algunos ciclistas les gustaría", recoñeceu, aínda que augura "un gran espectáculo" especialmente se fai aparición a choiva.

O circuíto do Campionato roldará os 3,5 quilómetros de lonxitude, cun único tramo de 150 metros de asfalto no Campus para despois internarse na zona de camiños e terra da Xunqueira, onde se instalarán diversos obstáculos. Todo nun lugar que permitirá unha ampla visión aos espectadores e tamén para o seguimento da televisión, que o retransmitirá en directo.

No Campionato de España de Ciclocrós, que se celebrará entre o 11 e o 13 de xaneiro, está prevista a participación de preto de 800 deportistas entre as categorías elite, sub-23, xuvenil, cadete e máster, o que demostra a boa saúde dunha modalidade deportiva que "en los últimos 4 o 5 años está viviendo un auge espectacular", defendeu o presidente da RFEC.

Ademais Pontevedra será tamén escenario este ano do Campionato Galego da especialidade, que organizará en Campañó o CD Pinarium o domingo 30 de decembro como previa ao Nacional.