Tres días para "refrescarse" entre libros

Pontevedra
03 de xullo 2026
Actualizado: 14:48

"Animo a todos os pontevedreses a pasar estes días pola festa a mercar un libro ou dous, se pode ser", destacou o alcalde tras saudar os libreiros no primeiro día de actividade

Festa dos Libros 2026
Festa dos Libros 2026 / Alberto de Madrid Lafuente

Desafiando ás altas temperaturas, a Festa dos Libros abriu as súas portas. Trece librarías da cidade, xunto coa editorial Kalandraka, achegan a lectura á rúa.

Fano, protexidos do sol, baixo unha gran carpa instalada na Praza da Ferrería.

Durante o próximos tres días, até o domingo 5 de xullo, haberá presentacións de libros, recitais, contacontos, charlas literarias ou encontros con autores.

"Animo a todos os pontevedreses a pasar estes días pola festa a mercar un libro ou dous, se pode ser", destacou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se achegou a saudar os libreiros no seu primeiro día de actividade.

Acompañado do concelleiro de cultura, Demetrio Gómez, Fernández Lores celebrou que esta festa acolla a unha "amplísima representación" de todas as librarías de Pontevedra e ofreza a até un centenar de actividades de promoción da lectura.

Festa dos Libros 2026
Festa dos Libros 2026Alberto de Madrid Lafuente

Precisamente a onda de calor que se instalou nas Rías Baixas será un dos hándicaps desta edición, pero o alcalde insistiu en que "hai tempo para todo".

Suxeriu que, os que desexen ir á praia, "busquen as horas de menos temperatura para gozar dos libros", xa que na lectura "sempre se atopan cousas diferentes".

"Aquí se poden mergullar nos libros que algo refrescarán", sentenciou o alcalde.

Con esta novena edición, a Festa dos Libros demostra que se trata dun evento máis que consolidado na cidade e que, segundo o edil de cultura, "funciona moi ben" grazas ao "moitísimo traballo" que se fai desde a organización para impulsala.

Nesta primeira xornada, tras as propostas infantís matinais co Colectivo Xurelo, formado por Enrique Mauricio, Tania Solla e Marcelo Dobode, e o cantante Paco Nogueiras, as actividades continuarán durante toda a tarde.

Paula Carballeira, Beatriz Maceda, María Xesús Nogueira e María Xosé Porteiro analizarán a figura de Begoña Caamaño (18:15 horas) e Alfredo González-Ruibal, Xurxo Ayán, Olga Novo e Manuel Gago participarán nunha mesa sobre memoria (21:15 horas).

Ás 19:15 horas, a Festa dos Libros renderá homenaxe a Manuel Rivas polo seu labor nas letras galegas contemporáneas e, unha hora despois, a actriz Elvira Mínguez presentará La educación del monstruo, obra galardoada co Premio Primavera de Novela.