A festa para "gozar entre libros" que homenaxeará a Manuel Rivas pola súa traxectoria

Pontevedra
19 de xuño 2026

Manuel Jabois, Manel Loureiro, Arantza Portabales, María Oruña ou José Ignacio Carnero, entre outros autores e autoras, participarán na novena edición da Festa dos Libros de Pontevedra

Festa dos Libros
Festa dos Libros / PontevedraViva

Trece librarías da cidade, ás que se sumará a editorial Kalandraka cun posto de exposición, participarán na novena edición da Festa dos Libros de Pontevedra, que se celebrará na Praza da Ferrería entre os días 3 e 5 de xullo.

Será un "esforzo colectivo" para que os lectores pontevedreses "poidan gozar dun verán entre libros", segundo destacou o edil de cultura, Demetrio Gómez, durante a presentación deste evento, que marcará o inicio formal das Festas de Verán.

A Festa dos Libros reunirá máis dun cento de autores, autoras e profesionais do ámbito editorial e cultural que protagonizarán un amplo programa de actividades para todas as idades, sobre todo encontros ao redor da lectura.

Aviones de Papel, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Libraría Paz, Librería Escolma, Librería Metáfora, Librería Seijas, Librería Cronopios e Mononoke Manga serán os establecementos participantes.

A carpa da Praza da Ferrería permanecerá aberta ao público de 11:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 22:30 horas, agás o domingo que pechará ás 22:00 horas.

Presentación de la novena edición de la Festa dos Libros
Presentación da novena edición da Festa dos LibrosCristina Saiz

Nesta ocasión, o autor homenaxeado pola súa traxectoria será Manuel Rivas, do que Demetrio Gómez subliñou a súa calidade literaria "excepcional" e a súa capacidade de seducir a crítica e público "falando dos temas que nos interesan en cada momento".

"É un dos mellores que hai na literatura galega de todos os tempos", engadiu.

Xunto a el, nesta Festa dos Libros estarán, entre outros, Manuel Jabois, Manel Loureiro, María Oruña, Arantza Portabales, Paula Carballeira, Elvira Mínguez, Francisco Narla, Ana Romaní, María Solar, Alfredo González-Ruibal ou Xesús Fraga.

PROGRAMACIÓN DA FESTA DOS LIBROS

A programación arrancará o venres 3 de xullo coa presentación do contacontos ilustrado con música Begoña Caamaño. Pequena biografía; e con Un verán de contos e música, con Paco Nogueiras, no que a narración oral e a música volverán ser protagonistas.

Xa pola tarde (18:15 horas), haberá unha mesa ao redor de Begoña Caamaño, con Ana Romaní, autora de Volveredes brindar por min; Paula Carballeira, con O transgredir das ondas; Beatriz Maceda, con Begoña ou o pracer da amizade; e María Xosé Porteiro, con Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela

Tras a homenaxe a Manuel Rivas (19:15 horas), será a presentación de La educación del monstruo, a novela coa que a actriz e escritora Elvira Minguez obtivo o Premio Primavera de Novela.

A xornada rematará cun encontro arredor da memoria, a historia e a relación entre paisaxe e identidade no espazo atlántico no que participarán o arqueólogo Alfredo González-Ruibal, autor de País en ruinas; Xurxo Ayán e Olga Novo, que presentarán Repil. 20 de abril de 1949; e Manuel Gago, con Ata que os mares sequen. Unha Escocia en clave galega.

A mañá do sábado 4 abrirá ás 11:00 horas cunha actividade dirixida ao público infantil e familiar da man do Pulpino Viascón, que achegará ao público o seu espectáculo de home orquestra, seguida do faladoiro "Arredor de GÁLIX e a LIX galega actual: éxitos e desafíos". 

Ás 12:30 horas regresará Enfiando lecturas, organizada pola Libraría Paz, con Xesús Fraga e Xerardo Quintia, coa obra epistolar Tempo de correspondencia, María Lado, co poemario Odias a poesía; e Anxos Sumai, coa novela A nena de xeo.

Xa na sesión da tarde (18:15 horas) participarán Tamara Andrés, con Eu son de aquí e de alá; Carmen V. Valiña, autora de Illa de sangue e As tolas que non o eran; e Alba Tomé, que falará de As humidades.

María Solar, Irene Lourido e Victoria Pinal conversarán ás 19:15 horas sobre as súas obras máis recentes: As malas ideas, O lado nobre e Tiña eu razón, respectivamente, tres obras que afondan na identidade, nas relacións persoais e nas experiencias vitais.

A partir das 20:15 horas será o encontro que reunirá dous dos nomes mais destacados das letras actuais. Manel Loureiro, que presentará Antes de que todo cambie; e Manuel Jabois, que compartirá co público as claves de La víspera.

Como peche da xornada do sábado, desenvolverase unha mesa dedicada á música e á cultura popular galega coa participación de Lois Pérez, autor de Hoxe toca Leiva?, e Fernando Fernández Rego, que presentará Andrés do Barro. A xénese do pop en galego.

O domingo 5 de xullo Pablo Rumoroso abrirá a programación cunha sesión de contacontos con sorpresa baseada en Unha rosquilla no parque e a continuación, Nacho Rubio desenvolverá unha sesión de contos e ilustración arredor da súa obra Os nenos porcalláns.

Tomará a remuda, ás 12:30 horas, o tradicional vermú literario de Pinto e Maragota arredor da obra gañadora da quinta edición do premio pola diversidade sexual e de xénero, As esquinas, de Miguel Calvo Marques. Estará amenizado por Hugo Andrade DJ.

Pola tarde, ás 18:15 horas, Arturo Lezcano falará de O país invisible, Juan de Sola de Entre los muros del olvido e Valentín Carrera de El mundo desde abajo. La odisea australiana de Rosendo Salvado, mantendo un diálogo sobre a crónica, a memoria e a viaxe.

A recta final comezará ás 19:15 horas con José Ignacio Carnero, que presentará Los fabuladores; e Francisco Narla, que fará o mesmo con Ultreia e Suseia; e xa para rematar, ás 20:15 horas, a clausura correrá a conta de Arantza Portabales, con Asasinato no muíño do cura; e de María Oruña, que falará da súa novela La cámara de las maravillas.