A Federación Galega de Tríatlon inclúe a Pontevedra, Poio e Sanxenxo no seu calendario de 2015

Pontevedra
11 de decembro 2014

A Federación fai público o seu calendario, no que destaca o Campionato de España de Tríatlon Sprint e Acuatlón que acollerá Pontevedra o próximo mes de xuño

Participantes no XIV tríatlon Cidade de Pontevedra
Participantes no XIV tríatlon Cidade de Pontevedra /

A Federación Galega de Tríatlon remitiu aos clubs o calendario competitivo para o ano 2015, no que repiten probas de nivel na bisbarra de Pontevedra.

Así, ademais dos campionatos de España de Triatlón Sprint e de Acuatlón que acollerá Pontevedra os días 20 e 21 de xuño, a capital provincial, Poio e Sanxenxo contan con citas destacadas.

O calendario local estrearao xa no mes de febreiro a novena edición do Dúatlon Cros de Samieira, previsto para o día 22.

A seguinte proba na bisbarra deberá esperar á tempada de verán, co II Tríatlon Rías Baixas en Sanxenxo o día 7 de xuño, unha cita que repetirá formato con distancia curta e a prohibición de ir a roda no segmento de ciclismo (drafting).

En xullo será a quenda do quinto Tríatlon Concello de Poio, mentres o 23 de agosto a cidade de Lérez acollerá o XV Tríatlon Cidade de Pontevedra, convertida nunha proba clásica dentro do calendario galego e estatal.