A Federación Galega propón Pasarón, Baltar, Burgáns e A Senra como posibles subsedes do Mundial 2030

Pontevedra
20 de febreiro 2024

A Real Federación Galega de Fútbol elaborou unha proposta que foi trasladada á Federación Española coas posibles instalacións que completarían as sedes da Coruña ou Vigo no caso de ser elixidas para o Mundial 2030 xa outorgado a España. Os campos serán examinados esta semana por técnicos federativos

Estadio Municipal de Pasarón
Estadio Municipal de Pasarón / Mónica Patxot

Pontevedra, Portonovo, Cambados e Ribadumia teñen opcións de ser subsedes do Campionato do Mundo de Fútbol 2030, xa concedido a España.

A Real Federación Galega de Fútbol elaborou unha proposta, enviada á Real Federación Española de Fútbol (RFEF), cunha lista de instalacións que completarían as candidaturas de Vigo e A Coruña como sedes do Mundial.

As dúas cidades galegas seguen na lista de posibles estadios españois para acoller o Mundial, compartido en organización con Portugal e Marrocos.

No que respecta á comarca de Pontevedra, ata catro estadios de céspede natural foron propostos como alternativas no caso de que o estadio vigués de Balaídos sexa escollido pola RFEF e a FIFA, aínda que tamén poderían ser subsede no caso de designarse Riazor.

Entre esas posibles subsedes destaca o Estadio Municipal de Pasarón de Pontevedra, cidade que xa gozou da experiencia mundialista en 1982 acollendo na súa preparación á selección que terminaría sendo campioa, Italia.

Ademais a Federación Galega propuxo como instalacións secundarias para os adestramentos das seleccións participantes as opcións dos campos de Baltar en Portonovo, Burgáns en Cambados e A Senra en Ribadumia, completando as posibles subsedes de Vigo o estadio do Couto en Ourense, a cidade deportiva do Real Club Celta e o estadio de Pardellas en Ponteareas.

Todas estas instalacións serán examinadas desde este martes por técnicos da RFEF, empezando xustamente por Pasarón e Baltar ademais de Pardellas e a Cidade Deportiva Afouteza en Mos, mentres que o mércores está previsto visitar Burgáns e A Senra, ademais de estadios do norte de Galicia propostos como subsedes da Coruña.