A final de Copa Federación espera o Pontevedra tras empatar en Sagunto (1-1)

Pontevedra
14 de marzo 2018

Os granates esqueceron por unhas horas a súa complicada situación en liga para regalarse unha alegría, a de meterse na final da Copa Federación e optar ao seu segundo título nesta competición despois de empatar co Atlético Saguntino no choque de volta de semifinais

Partido entre Atlético Saguntino e Pontevedra
Partido entre Atlético Saguntino e Pontevedra

O Pontevedra Club de Fútbol esqueceu por unhas horas a súa complicada situación na liga para regalarse unha alegría, a de meterse na final de Copa Federación para optar ao seu segundo título nesta competición, despois de desfacerse do actual campión, o Atlético Saguntino, co que empatou no encontro de volta semifinais disputado este mércores no Nou Camp de Morvedre de Sagunto. 

O club granate asegúrase 30.051 euros, cantidade que recibe o subcampión da Copa, e optará aos 90.152 euros destinados ao campión, aínda que para conseguilos deberá superar na gran final ao Ontinyent.

Sacou Luismi en Sagunto unha aliñación mestura de futbolistas menos habituais e outros que si contan con minutos importantes en liga, apostando forte por chegar á pelexa definitiva polo título. Así aos irmáns Barbeito e Lezcano uníronse David Castro, Adrián León, Iván Martín ou Berrocal. O técnico iso si, tendo en conta as reducidas dimensións do Nou Camp de Morvedre, o seu céspede artificial de antiga xeración e que o equipo chegaba á cita con vantaxe (2-1), volveu ao esquema de tres centrais e carrileiros con Marcos e Pibe nas bandas.

Non se equivocou o técnico xa que o xogo directo, con escasa elaboración, marcou os inicios do choque. A pesar da intención local de remontar a eliminatoria, os granates (vestidos de azul) non sufrían nos instantes iniciais, e aínda por encima golpearon á primeira ocasión que tiveron. No seu primeiro achegamento á área Lezcano forzou unha falta perigosa ao bordo da área. Tirada lixeiramente cara ao costado esquerdo, parecía máis favorable para un xogador destro, pero Prosi asumiu a responsablidad e cun bo lanzamento superando a barreira facía o 0-1 no minuto 7 de xogo.

O gol deu máis tranquilidade se cabe ao Pontevedra, que non concedía ocasións e ameazaba máis que o seu rival tentando saír con velocidade. O Atlético Saguntino non conseguiu chegar á área defendida por Anxo ata o 21 nun centro de Rafa Gimeno que cabeceou Esteve con perigo pero sen atopar portería.

A acción animou un pouco o encontro, e os achegamentos comezaron a ser máis habituais. Tentouno Prosi de lonxe e pouco despois Juliá, pero ambos os dous lanzamentos marcháronse altos. Pasaban os minutos sen excesivo sufrimento, e só Gilabert pasado o minuto 40 inquietou aos pontevedreses atopándose cunha boa resposta de Anxo.

Saíu con ganas o equipo local tras o paso por vestiarios, e apenas tardou dous minutos en gozar dunha boa ocasión por medio de Fas, que se atopou coa seguridade de Anxo baixo paus. O gardameta apareceu de novo na seguinte acción nunha falta de Rafa Gimeno que rexeitou deixando o balón solto na área, pero por fortuna Esteve rematou por encima do traveseiro.

Gañaba ritmo e intensidade o encontro e non era o que conviña aos granates. Xeraba sensación de perigo o Saguntino, a base sobre todo de empuxe, ante un Pontevedra que perdía con rapidez a posesión e fiábase a un bo exercicio defensivo á espera de que chegase algunha oportunidade para sentenciar.

O mellor é que pasaban os minutos e o resultado seguía sendo de 0-1. Ante o empuxe valenciano Luismi movía o banco en busca de máis músculo coa entrada a Kevin e velocidade con Álex González, e o certo é que tras os cambios comezou a esgotárselle a gasolina aos locais, que seguían aproximándose pero sen tanto perigo e permitían respirar ao Pontevedra. Os granates controlaban mellor ao seu rival e xogaban co marcador.

Parecía que todo ía concluír así, pero os locais non se renderon e nun último arreón Javi Boix lograba a igualada para dar esperanzas ao seu equipo a tres minutos do final, despois de aproveitar un rexeite na área.

Tentouno á desesperada o Saguntino durante os 4 minutos de desconto. Fíxoo sen fortuna, porque xa era tarde e a eliminatoria viña para Pontevedra. A final agarda os granates.

ATLÉTICO SAGUNTINO (1): Javi, Escudero, Rafa Gimeno, Marín, Óscar López, Gilabert (Álex Felip, minuto 66), Fas (Boix, minuto 62), Jorge Juliá, Esteve, Lois, Maldo (Granell, minuto 46).

PONTEVEDRA CF (1): Anxo, Juan Barbeito, David Castro, Adrián León, Jesús Barbeito, Prosi, Marcos Álvarez, Lezcano (Eder Díez, minuto 82), Iván Martín (Kevin, minuto 66), Berrocal, Pibe (Álex González, minuto 68).

Árbitros: Álvaro Rallo Estévez, auxiliado nas bandas por Héctor Ferrer Remolar e Javier Torrejón Royo (Valencia). Amoestou a Prosi no Pontevedra.

Goles: 0-1 Prosi, de falta directa (min.7); 1-1 Boix (min.87).

Incidencias: Partido de vuelta de las semifinales de la Copa Federación disputado en el Nou Camp de Morvedre, Sagunto.