O campo de fútbol de Burgáns, en Cambados, é o escenario elixido pola Federación Galega para a final da Fase Autonómica da Copa Federación, que disputarán Pontevedra e Arosa.
O partido xogarase o vindeiro mércores 12 de outubro ás 17:30 horas, aproveitando a festividade da xornada para tentar que acudan o maior número de afeccionados posibles.
Arosa e Pontevedra deron o visto e prace ao escenario do partido, segundo explica a Federación Galega, e acordaron o prezo das entradas.
O público xeral deberá abonar 8 euros de entrada, 4 euros os menores de 18 anos, mentres no caso dos socios de ambos os equipos o prezo redúcese a 5 euros para os adultos e a entrada será de balde para os menores de idade.
Ademais de lograr o pase á fase nacional da Copa RFEF, xunto ao resto de campións territoriais, o equipo que resulte vencedor recibirá o trofeo correspondente e unha recompensa monetaria de 3.005 euros.