A Sociedad Gimnástica presume de resultados nos Campionatos Galegos ao aire libre Sub-18/20/23 e Absoluto de atletismo celebrados entre os días 38 e 30 de agosto na Coruña.
Nestas competicións os atletas do club pontevedrés sumaron un total de 41 medallas, destacando as 7 de ouro, 9 de prata e 5 de bronce da categoría absoluta.
Entre todos os nomes resalta o de Víctor Gallego, que co seu triunfo no lanzamento de peso converteuse no atleta máis laureado a nivel autonómico, xa que os 15.05 metros do seu último lanzamento valéronlle para sumar o seu vixésimo título galego ao aire libre. Ademais o capitán do club pontevedrés conseguiu a medalla de prata no lanzamento de disco cun mellor resgistro de 47.42 metros.
A outra fazaña do campionatos levou o nome de Joselyn Brea, campioa nos 5.000 metros cunha marca de 15:50.30 que supón a mínima para o campionato nacional absoluto, récord de Venezuela e tamén récord da Gimnástica superando un tempo vixente no club desde o ano 1996 con María Abel.
O resto de vitorias na competición sénior chegaron por medio de David de la Fuente, cun dobrete en 400 e 800 metros lisos, Antía e Daniel Chamosa nos 5.000 marcha e Raúl Cortizo en altura.
A competición autonómica serviu tamén de preparación para a Copa de España de Clubs na que participará a Gimnástica a próxima fin de semana en Madrid.