A Gladiator Race, preparada para dar batalla na Illa das Esculturas

Pontevedra
24 de maio 2018

A cuarta edición da popular proba por obstáculos celebrarase o próximo 2 de xuño en Pontevedra con preto de 1.800 deportistas inscritos demostrando que "esta  proba está asentada na cidade", sinalou Serafín Martínez, responsable da organización

Presentación da IV Gladiator Race Pontevedra
Presentación da IV Gladiator Race Pontevedra / Mónica Patxot

En só catro anos a Gladiator Race de Pontevedra "está máis que asentada" na cidade. 

Así o recoñeceu Serafín Martínez, responsable da organización, na presentación dun evento que congregará a preto de 1.800 deportistas o vindeiro sábado 2 de xuño.

"É un formato no que a xente máis que a competir vén a vivir unha experiencia", explicou sobre o ambiente que conseguiu xerar.

Nesta ocasión o percorrido da Gladiator Race varía lixeiramente con respecto ao pasado ano, pero mantense na zona da Illa das Esculturas, onde transcorrerá a maior parte da xornada e onde se instalará unha zona cero con servizos, 'food trucks' e diversas actividades.

Como en anteriores edicións na carreira de obstáculos poderase participar, de forma individual ou en equipos de ata 5 compoñentes, a partir das 16:00 horas na categoría Warrior (11 quilómetros con 30 obstáculos), na categoría Rocket desde as 18:45 horas (6 quilómetros e 20 dificultades) e na versión infantil, a  Gladiator Kids (12:00 horas).

Como aperitivo ao evento deportivo, este xoves 24 de maio ás 20:00 horas hai ademais convocado un adestramento gratuíto na chaira do Recinto  Feiral.