A gran final das World Series de tríatlon de Pontevedra suman máis de 30 rexistrados en menos de 24 horas

Pontevedra
08 de marzo 2023

A organización abriu este martes o prazo de inscrición de triatletas para participar nas categorías de grupos de idade para as modalidades de distancia olímpica, supersprint e aquabike

Carreiras de grupos de idade de dúatlon no ITU Multisport Festival
Carreiras de grupos de idade de dúatlon no ITU Multisport Festival / Xan Xiadas

Non pasaron nin 24 horas desde a apertura do período de inscrición de triatletas para participar nas probas de grupos de idade da gran final das series mundiais, que se celebrarán en Pontevedra do 22 ao 24 de setembro, e o número de participantes supera xa a trintena.

A de grupos de idade é unha categoría non profesional, pensada para afeccionados a este deporte, na que os participantes compiten agrupados por rangos de idade. Son unhas carreiras que serven como complemento ás proba profesional, que atraerá á cidade do Lérez aos mellores triatletas do mundo. 

O prazo para anotarse manterase aberto ata o 15 de agosto, pero a cota bonificada ao 50 % pola Federación Española de Tríatlon só estará vixente ata o 30 de xuño. A partir desa data, a contía de inscrición ascenderá a 150 euros para a distacnia olímpica e a 100 euros para o supersprint e o aquabike. 

A Final da Series Mundiais é a xoia da coroa do calendario anual do tríatlon mundial e Pontevedra recolle a testemuña este ano de Abu Dabi que albergou a Gran Final en 2022. Na cidade galega, coroaranse os Campións do Mundo de tríatlon Elite, Sub23 e Paratriatlón, así como os campións mundiais de distancia Olímpica, Super Sprint e Aquabike por Grupos de Idade.

Esta gran final das Series Mundiais de Pontevedra será o colofón a un 2023 histórico para o tríatlon español xa que o país albergará tamén o Campionato do Mundo de Tríatlon Multideporte Eivissa 2023 do 29 de abril ao 7 de maio e o Campionato de Europa de Tríatlon de Madrid do 2 ao 4 de xuño.