O ciclismo galego fixo historia este domingo no campionato de España de cross country olímpico (XCO) celebrado na localidade oscense de Sabiñánigo. A grovense Lara Lois converteuse na primeira ciclista galega que se proclama campioa de España de XCO na categoría raíña.
Non foi o único logro para a delegación autonómica, pois o carballiñés Alejandro García conquistou tamén o título júnior.
Despois de que a selección atonómica acadara o bronce na proba de Team Relay, Lara Lois deu a badalada da xornada na proba elite feminina. A madrileña Rocío García (BH Coloma Team) impuxo un forte ritmo desde o inicio, o que a levou a poñer terra de por medio na primeira volta. Como as súas principais perseguidoras situáronse Lara Lois e Noemí Moreno (Odena), que se foron alternando entre a segunda e terceira praza.
A medida que pasaban as voltas, Rocío García continuaba aumentando a diferenza sobre a galega a e catalá. Esta vantaxe chegou a ascender ao minuto, un tempo que tras entrar na última volta facía presaxiar que a do BH ía sumar outro título ao seu palmarés. Pero a madrileña entrou nunha pequena crise que aproveitou a deportista da Selección de Galicia para lanzarse a polo seu primeiro Campionato de España de XCO. Lois, moi regular durante toda a proba, adiantou a García e dirixiuse cara á liña de meta en solitario.
A corredora que esta campaña pertence ao RG Bikes rematou cun tempo de 1:28:23, con 20 segundos de vantaxe sobre García e 53 respecto a Moreno.